Resumo do Taller de Cociña Saudable do sábado 21 de outubro no Asubío

O pasado sábado 21 de outubro ás 17.00 h tivo lugar no Asubío un Taller sobre Cociña Saudable.
No taller contamos coa participación de 10 persoas, coas cales pasamos unha tarde amena, educativa e, esperemos que produtiva.
Para entrar en calor e comezar a tarde con bo sabor de boca, tomamos unha infusión de Sarxa ou Salvia e así poder beneficiarnos das súas propiedades. A Sarxa emprégase para dixestións pesadas, para dores menstruais, cansazo, axuda a regular os niveis de azucre en sangue…
Dentro da parte teórica falamos dos produtos ecolóxicos, das pautas para unha dieta saudable e dos aditivos alimentarios. É moi importante fixarse nas etiquetas dos produtos que mercamos e coñecer o que son realmente os E-.
Na parte práctica elaboramos 3 receitas: PASTEL DE PORROS, feito con fariña de espelta e crema de arroz, GUISO DE LENTELLAS ROXAS con verduras, xenxibre, cúrcuma e comino, e DOCE DE MAZÁ E CANELA, con bebida vexetal, sirope de ágave e agar agar.
Despois de aprender a empregar novos ingredientes e coñecer alternativas saudables para un menú, degustamos as nosas elaboracións e, según os/as catadoras/es, estaban exquisitas.
Agora agardamos que, quen participou, escriba neste blog que lle pareceu a experiencia e, a quen non puido participar neste, que nos diga que temas lle gustaría que trataramos, con qué ingredientes aínda non están familiarizados ou que horario lle iría mellor…
Veña, a animarse! Que este blog é para dar a vosa opinión, admítense críticas e ideas!
Un saúdo